Caldo. «A cabalo entre un son súper moderno e unha foliada»

Lugar A Ponte, o segundo disco de Caldo, é unha homenaxe ao que foi o seu fogar como grupo en Mañufe (Gondomar). Anaïs Barbier (voz e pandeireta), María Jorge (violín) e Pedro Fariñas (guitarra) interveñen melodías tradicionais e crean a partir de cantigas de tradición oral recollidas en boa medida polo músico Xisco Feijoó. É o álbum que define o son do trío e no que se atreven máis a xogar cos seus instrumentos. A diversión e a amizade son ingredientes fundamentais deste proxecto.

 

Caldo presenta Lugar A Ponte o vindeiro venres 9 de xuño, a partir das 20:30 horas no Teatro Principal de Compostela, dentro da programación da terceira edición do festival O que non se escribe, un encontro arredor do patrimonio sonoro e a creación contemporánea. «Parécenos un festival súper necesario para poñer en valor todos os arquivos dos que nós estamos vivindo hoxe en día», destaca María Jorge.

No concerto, ademais da participación do produtor e instrumentista crnds, acompañarán a Caldo sobre as táboas do Teatro Principal German Díaz (zanfona), Diego Alonso (saxo), Claudia Abril, Flor Díez e Marta Collazo (voz e pandeireta) e as violinistas Antía Ameixeiras (Caamaño & Ameixeiras) e Begoña Riobó (SonDeSeu).

Ilustración de Marte Martinka para a canción "O que fomos" de Caldo © Marte Martinka

«O primeiro disco foi máis o resultado dunha relación musical entre uns colegas e agora, co paso do tempo, imos atopando os nosos puntos fortes, onde nos sentimos máis libres ou máis seguras do que estabamos a facer. Cada unha foise colocando máis no rol que ocupa dentro da banda e, a nivel grupal, fomos buscando cales eran os sons cos que queriamos quedar e cales preferiamos ir descartando porque forman parte dun momento inicial no que simplemente buscabamos divertirnos», conta María Jorge.

«Hai tres temas que foron gravados en directo que teñen toda a esencia das foliadas»

Aínda que a diversión segue moi presente –«Non tocamos para poñernos tristes», aclara a violinista– neste álbum houbo unha procura como grupo para chegar a concretar o son de Caldo. «Empregamos unhas ferramentas coas que non traballaramos nunca e atopar o noso propio son a través de recursos que non son nosos e cos que non estamos familiarizados tivo como resultado este disco, que anda a cabalo entre un son súper moderno e unha foliada. Hai tres temas que foron gravados en directo que teñen toda a esencia das foliadas, que foi onde máis aprendemos», explica.

Caldo asenta con este traballo as súas bases como grupo e quixo traballar o álbum como un ente propio máis alá do que son os seus directos, que son a parte fundamental da banda, e nos que se manterá a esencia do Caldo «primixenio». Para iso, en Lugar A Ponte contan con Alberto Cernadas como co-produtor. «Nas primeiras maquetas dos temas xa nós meteramos algo de sintetizadores e algún son que non está presente nos instrumentos propios do trío porque tiñamos ganas de que o disco non tivera que ser exactamente como os directos», apunta María Jorge.

No proceso de creación deste disco as relacións interpersoais entre Anaïs Barbier, María Jorge e Pedro Fariñas saíron reforzadas. «Sorprendeume para ben como nos xestionamos porque foi duro. Nós non nos dedicamos só a facer concertos –por desgraza– e houbo un traballo de conciliación importante», afirma María. Estes dez temas comezaron ver a luz cando caeron as medidas restritivas da pandemia e neles colaboran multitude de artistas, algúns deles estarán na presentación en directo en Santiago.

«O son de Caldo empeza en cada unha de nós e en como fomos evolucionando xuntas»

María Jorge salienta que cada un aporta sons distintos porque ninguén toca igual un mesmo instrumento: «Eu non toco igual que Antía Ameixeiras por moito que teña aprendido moito dela, é moi guai porque atopas sons súper distintos en función da persoa que os fai. Pedro trae a Caldo ese son da guitarra clásica pero afinada en dadgag, que normalmente a guitarra afinada así en aberto tócase en acústicas, polo que ten unha sonoridade moi especial. E logo, a voz de Anaïs ten un punto moi persoal do que é imposible prescindir. O son de Caldo empeza en cada unha de nós e en como fomos evolucionando ao tocar xuntas».

Co dinámica infalible do ensaio/erro avanzaron na produción do disco. "Outro lugar" é o tema máis experimental de Lugar A Ponte, tiveron moitas dúbidas no proceso polo medo a transitar novos espazos sonoros pero gañou esa confianza entre elas. Para escoitalo non haberá unha versión física como tal, pero si un artefacto artístico que levará a escoitar as cancións en formato dixital. Unhas láminas de Marte Martinka co deseño de Sofía Lorenzo , con poemas de Petra Porter. Nelas estará tamén a letra das cancións e toda a información sobre as informantes das que parte cada unha, así como das músicas tradicionais. «Estará toda esa información que a nós nos gusta ver nos discos», sinala a violinista.

Nos vindeiros meses terán máis actuacións, xa durante o verán, pero a escena actual non llo pon tan doado. «Só hai que ver os carteis da maioría dos festivais e o modus operandi que teñen certos festivais e ciclos de concertos para saber que non somos o grupo que podería ter máis cabida na maioría dos espazos», asegura María Jorge, que aclara que non están en contra da música mainstream e son consumidoras dela, pero botan en falta máis música acústica. «Quero ver músicas e músicos tocando, agora vas aos festivais e case sempre hai unha persoa ou dúas no escenario, e case sempre cantan», indica. En todo caso, non é o obxectivo de Caldo chegar a un público maioritario, aínda que si reclaman un espazo de seu, coidado e apoiado polas institucións, para que non sexa arrasado pola corrente maioritaria.

Ana G. Liste

Ana G. Liste

Xornalista viguesa do 90. Traballei en medios como Faro de Vigo, El País e Europa Press. Formo parte da Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e son unha máis en Xornalistas Galegas. Agora estou entre Praza.gal e VINTE.

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.