Publicador de contidos
Publicador de contidos

O Día Mundial da Lingua Chinesa recupera adeptos logo da pandemia

O Día Mundial da Lingua Chinesa recupera adeptos logo da pandemia

Despois do auxe que experimentou en 2008, cadrando cos Xogos Olímpicos de Beijing, o chinés recupera alumnado en Galicia

Motivos laborais, académicos ou culturais están detrás das matrículas nas escolas oficiais de idiomas

Hoxe conmemórase a figura do creador da actual grafía do chinés mandarín, Cang Jie, hai cinco mil anos

G24.gal 22/04/2024 21:16 Última actualización 22/04/2024 22:24

Hoxe celébrase o día mundial da lingua chinesa, unha distinción aprobada pola ONU no ano 2010. É o 20 de abril, pero os actos nas escolas de idiomas de Galicia trasladáronse a hoxe, por cadrar en sábado a data oficial. Conmemórase a figura de Cang Jie, historiador e funcionario da corte do chamado Emperador Amarelo, considerado o creador dos singulares caracteres da escrita chinesa.

O chinés mandarín é un dos seis idiomas oficiais da Organización das Nacións Unidas, xunto a inglés, francés, árabe, ruso e español. A lingua ten máis de 1.400 millóns de falantes nativos da China e outros moitos en distintos países do mundo, sobre todo no sueste asiático. É dicir, un de cada cinco habitantes do planeta fala chinés.

As escolas oficiais de idiomas de Galicia recuperan alumnado logo da pandemia, cando baixou o número de matrículas en xeral en todas as linguas. Pero o chinés experimentou un auxe xusto antes de que se celebrasen os Xogos Olímpicos de Beijing, no ano 2008.

"Agora hai noventa alumnos en distintos niveis da EOI de Vigo, desde os 14 ata os 75 anos", segundo explica Cristina Rodríguez, xefa do departamento de chinés da EOI de Vigo.

"O chinés e o galego non son tan distintos", apunta Marola Padín, mestra de chinés. "Os dous respondemos cun depende e cunha pregunta", engade Marola. "É a única lingua que ten eses caracteres, pero non ten gramática como o ruso ou o alemán".

Entre os motivos que contan os alumnos de chinés da EOI de Vigo preguntados pola TVG están o reto de aprender novos idiomas, a curiosidade por unha lingua tan distinta, a posibilidade de abrir outras expectativas laborais ou o feito de comezar polo xaponés e logo querer afondar nunha lingua ancestral que ten moitas similitudes.

Kemeng Wu, mestra nativa da EOI de Vigo, sinala que hoxe é un día feliz porque poden celebrar toda a cultura do seu país.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade