Galicia tenta cubrir 63 prazas de medicina de familia na 'segunda volta' do MIR

Consulta baleira nun centro de saúde do Sergas en Vigo e gráficos de cobertura de prazas MIR en varias áreas sanitarias CC-BY-SA Foto: Sergas | Edición: Praza.gal

Este mércores, 24 de abril, culmina o proceso extraordinario convocado polo Ministerio de Sanidade para tentar cubrir as prazas de formacións sanitaria especializada que quedaron vacantes na quenda ordinaria de elección de destinos, celebrada a principios de mes. Trátase, no caso da medicina, das comentadísimas prazas MIR, nas que os ocos se concentran nunha das especialidades máis sensible: a medicina familiar e comunitaria.

O 30% das prazas de formación en medicina familiar e comunitaria ofertadas na quenda ordinaria quedaron sen cubrir

Por terceiro ano consecutivo Galicia non deu cuberto no primeiro intento o total de prazas ofertadas para medicina de familia, que eran neste caso 207 dentro dun total de 637 do conxunto da oferta MIR. Se hai un ano quedaron sen cubrir o 20% (un total de 39), desta volta foron xa o 30%, o que traducido a persoas implica que o Sergas formará 63 médicas e médicos de familia menos dos previstos agás que a situación mude na quenda extraordinaria.

Como sucedera o pasado ano, o reparto das prazas sen cubrir non é territorialmente homoxéneo e prexudica máis a tres áreas sanitarias: Lugo, Ourense e Ferrol. Nos tres casos foron máis as prazas vacantes que as cubertas na quenda ordinaria. Nos tres casos as prazas non elixidas en medicina familiar e comunitaria roldan o 60% do total.

As áreas de Lugo, Ourense e Ferrol son as máis prexudicadas polas prazas vacantes. O pasado ano quedaran 39 baleiras e na segunda volta só se cubriran 6

Así, a área lucense aspira a paliar este 24 de abril un escenario no que ninguén elixiu 18 das 30 prazas MIR de familia que foron ofertadas. O mesmo sucede con 13 das 21 dispoñibles en Ourense e 9 das 15 de Ferrol. Noutras áreas sanitarias, aínda que con menor impacto sobre o total, tamén quedaron ocos significativos: é o caso das 10 vacantes de Pontevedra, que ofertou 23; das 10 de Santiago -unha cuarta parte do total- ou das tres de Povisa, na área sanitaria de Vigo.

Nesta ocasión, daquela, unicamente as da área sanitaria da Coruña e as prazas MIR de familia na área sanitaria de Vigo alleas a Povisa foron cubertas na vía ordinaria. O único antecedente dispoñibles dunha elección en segunda volta, non obstante, non é moi favorable: o pasado 2023 quedaran vacantes 39 prazas de medicina familiar e comunitaria na primeira elección e na segunda, malia estar aberta tamén a persoal médico sen autorización para residir en España, só se cubriron 6 .

Cuarta autonomía con máis vacantes

As 63 prazas MIR de medicina familiar e comunitaria que quedaron sen cubrir en Galicia supoñen a cuarta maior cifra entre as comunidades autónomas, segundo os datos do Ministerio de Sanidade. En termos porcentuais, o 30% galego de prazas sen cubrir é tamén o cuarto máis elevado entre as trece autonomías que non esgotaron as prazas ofertadas. Galicia queda nesta variable por tras de La Rioja (68% de vacantes), Extremadura (62%) e Castilla y León (43%). Na banda contraria están Madrid, Cantabria, Canarias e a Comunitat Valenciana, sen vacantes nesta especialidade.

Persoal sanitario alude á sobrecarga e ás condicións laborais entre as causas para que non todas as prazas MIR de familia se cubran. O Sergas, pola contra, apunta que realizar esta formación en Galicia ten múltiplas "vantaxes", como contratos de tres anos nos centros de saúde

Estas cifras prodúcense nun contexto no que as prazas MIR ofertadas, tanto en Galicia como no conxunto do Estado, veñen rexistrando máximos históricos. E cun pano de fondo no que o persoal apunta á sobrecarga de traballo e outras condicións laborais como unha das causas que explican que non cheguen a cubrirse todas as prazas en medicina familiar e comunitaria

Esas causas tamén son apuntadas para explicar por que só unha parte das prazas MIR de familia que si se cobren acaben transformándose en novas médicas e médicos para os centros de saúde do Sergas. Non en van importantes porcentaxes (arredor da metade entre 2017 e 2021, por exemplo, como informou Praza.gal) de profesionais que rematan a residencia en Atención Primaria acaban traballando noutros servizos ou fóra do Sergas.

A Consellería de Sanidade, pola contra, aproveitou nas últimas semanas o proceso de elección de prazas para "destacar as vantaxes de realizar a formación MIR en Galicia". Entre outros aspectos, o departamento que agora dirixe Antonio Gómez Caamaño salienta que "o persoal residente en formación conta cunhas condicións retributivas que oscilan entre os 36.000 euros ata os 51.000" ou que "ofrece contratos de 3 anos de duración para os residentes que rematan a súa formación nas especialidades de Medicina Familiar e Comunitaria e de Pediatría en Atención Primaria".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.