O PSdeG pide a Sánchez que non renuncie e esixe a Feijóo parar "esta deriva antidemocrática" contra un goberno lexítimo

A presidenta do PSdeG, Carmela Silva (c), xunto ao secretario xeral do PSOE provincial de Pontevedra, David Regades (i) e o alcalde de Vigo,  Abel Caballero, nun acto de apoio a Pedro Sánchez, a 26 de abril de 2024.
EUROPA PRESS
Publicado: viernes, 26 abril 2024 13:59

Carmela Silva pide a Rueda que rexeite o "vergoñoso argumentario" do PP e demostre que cre "nos valores democráticos"

VIGO, 26 Abr. (EUROPA PRESS) -

A presidenta do PSdeG-PSOE, Carmela Silva, trasladou este venres "en nome de todos os militantes" o apoio a Pedro Sánchez fronte ao "linchamento público" e á "estratexia premeditada, deseñada, orquestrada" pola dereita de Feijóo e a ultradereita de Abascal, que "pon en perigo a democracia".

Nun acto cun centenar de simpatizantes, e xunto a membros do equipo de goberno local, encabezados polo alcalde, Abel Caballero, a presidenta dos socialistas galegos subliñou que "o PP non asume nunca a leximitidade dos gobernos se non son eles quen gobernan", e apuntou que este 'modus operandi', con "bulos, ameazas, calumnias, deslexitimación dos gobernos de progreso, e deshumanización do adversario político" esténdese tamén noutros países europeos.

Após confirmar que os militantes do PSdeG estarán este sábado en Ferraz para manifestar o seu apoio ao presidente do Goberno, Carmela Silva afirmou que "non é a primeira vez" en España que os partidos conservadores actúan así, "pero nunca con tanta insidia, dureza e mesmo crueldade". "Todo lle vale a Feijóo. Todo lle vale a Abascal. Non hai límites. Mesmo se usa o poder xudicial", constatou.

Após expresar que os socialistas galegos entenden a "dor" de Pedro Sánchez e as súas "dúbidas", pediulle ao presidente "que non renuncie, que non poden gañar os que están dispostos a dinamitar os valores do Estado de Dereito e Social para tombar a gobernos lexítimos".

Silva censurou duramente a fabricación de "bulos" por parte de "pseudoxornalistas" dirixidos desde a dereita e a ultradereita, e a "incomprensible" apertura de procedementos xudiciais a partir deses bulos, e concluíu que "é absolutamnte humano" que Pedro Sánchez "dixese que non pode máis", especialmente cando o "acoso e persecución" se traslada tamén á súa familia. "Non é inmadurez, é madurez emocional e unha chamada á reflexión colectiva. Non podemos seguir así", engadiu.

Segundo subliñou a presidenta do PSdeG, é necesaria unha "reflexión colectiva" sobre a forma de actuar da dereita e a ultradereita. Así, chamou a "destapar" como se crean e se difunden os bulos, que logo chegan aos xulgados, e "que a cidadanía saiba que o obxectivo é tombar a gobernos democráticos". "Si, tombar a gobernos democráticos. Non o imos tolerar. Chegou o momento de denunciar con claridade, sen equidistancia, o que está a ocorrer, e pór freo e límite a esta forma intolerable de actuar", subliñou.

MENSAXE A FEIJÓO E A RUEDA

Carmela Silva apelou aos "demócratas" e "á xente decente do PP, que algunha haberá" e os seus votantes, para que "paren esta deriva antidemocrática". Así mesmo, trasladou unha mensaxe a Feijóo, ao que lembrou que os gobernos se conforman con maiorías no Parlamento. "Vostede non o conseguiu, non pode vostede continuar bombardeando a verdade, a democracia, o Estado de Dereito, o respecto político, as regras de xogo institucionais. Ten que parar esta deriva, señor Feijóo", proclamou

Por outra banda, tamén se dirixiu ao presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, a quen lle pediu "que non se some ao vergoñoso argumentario elaborado desde Génova" e "se opoña á deriva do PP".

Para Silva, é o momento "adecuado" para que o presidente galego demostre "que cre nos valores democráticos" e que "o sentidiño do que presume sexa certamente a ruta pola que transcorre o debate das ideas, dos proxectos políticos e das propostas". "Estamos a xogarnos a democracia", sentenciou Carmela Silva.

Contador