"En política hai que ser valentes; viuse coas peonalizacións e agora, co carril bici aínda que o populismo dea rédito a curto prazo"

Lara Méndez, alcaldesa de Lugo, no despacho da Alcaldía na casa do Concello © Concello de Lugo

Lara Méndez é alcaldesa de Lugo dende hai seis anos. En 2019 encabezou por primeira vez a candidatura do PSdeG na cidade e agora, á fronte dun goberno de coalición co BNG, asegura facer un “balance tremendamente útil” do labor do seu gabinete nun bienio irremediablemente marcado pola pandemia. A COVID-19, evidencia, fixo preciso adaptar toda a estrutura do Concello e adoptar medidas de urxencia. Pero non obrigou, asegura, a mudar a “folla de ruta” dos grandes obxectivos do goberno local, baseados na “sostibilidade” e nas “oportunidades” económicas para a veciñanza, pero tamén máis “amable” urbanisticamente e na mobilidade. Se algo amosou a pandemia, resalta, é que é preciso que “as rúas sigan unha extensión do noso fogar”.

Hai dous anos tomaba posesión por segunda vez como alcaldesa de Lugo formulando o reto xeral de impulsar unha segunda transformación da cidade. E nisto, chegou a COVID. Houbo espazo para moito máis que afrontar a pandemia e paliar os seus efectos?

Afortunadamente, si, porque tiñamos traballo feito e puidemos seguir desenvolvendo o proxecto de cidade que tiñamos formulado dende 2015, falando desa segunda gran transformación despois da primeira, co alcalde Orozco. A diferenza substancial deste segundo mandato é a estabilidade orzamentaria e, polo tanto, capacidade económica para desenvolver os proxectos xa iniciados. Por exemplo, as obras que faltaban na Praza de Abastos, a peonalización de Quiroga Ballesteros, o carril bici, a pasarela do Anxo Carro… Dito isto, efectivamente houbo que reorganizalo todo; de vinte e catro meses, dezaseis foron de pandemia.

Nesa loita contra a COVID, diría que o Concello de Lugo respondeu?

"Chamouse a todos e cada un dos veciños maiores de 65 anos que vivisen sós, independentemente da súa condición de dependencia"

Isto cambiou as prioridades. O primeiro, no ámbito social; houbo que atender a todas as persoas en situación vulnerable: axudas ao alugueiro, de manutención, de emerxencia social… E iso foi o primeiro que fixemos, incrementando recursos económico e tamén humanos. Tamén para combater a soidade non desexada; chamouse a todos e cada un dos veciños maiores de 65 anos que vivisen sós, independentemente da súa condición de dependencia.  Fíxose tamén un gran esforzo de contención do virus na administración para poder seguir prestando servizos. Porque aínda sendo certo que xa tiñamos iniciada a aplicación da administración electrónica, houbo que axilizala para pasar de non ter ningún traballador en teletraballo a ter 200 persoas en moi pouco tempo para manter tamén a xestión ordinaria. E fíxose tamén un gran esforzo económico, dende mantendo os contratos de todas as empresas prestadoras de servizos ao Concello para que non tivesen que ir ao ERTE ata a inxección ao tecido económico: fomos o primeiro Concello de Galicia que dedicou 6 millóns de euros a axudas directas.

Deu a sensación de que os concellos viraron en primeira liña da fronte, sobre todo nos primeiros momentos da pandemia. Por exemplo, recibindo peticións de axudas do tecido económico cando aínda estaba vixente o confinamento.

O domingo, 15 de marzo, cando nos acababan de confinar, eu estaba aquí, reunida co equipo técnico e responsables de área e despois, co equipo de goberno e os voceiros municipais. Ese mesmo día constituímos o comité de seguimento para levar a cabo medidas como dar 6 millóns de euros directos a 4.300 persoas autónomas e empresas pequenas e medianas, activar unha plataforma para mercar agora e mercar despois, iniciativas de formación, mercados nos barrios… Todo, dende a liña de sostibilidade que xa iniciaramos, porque temos claro que é o que transforma tamén a economía e á que agora ha que sumarlle a recuperación. Seguindo as directrices da UE, pero tamén por convicción.

Lara Méndez, alcaldesa de Lugo, participando nun proxecto de embelecemento con graffiti na rúa do Esquecemento, acabada de peonalizar © Concello de Lugo

"Fomos o primeiro Concello de Galicia que dedicou 6 millóns de euros a axudas directas pola COVID; chegaron a 4.300 persoas autónomas e pequenas empresas"

En clave económica, anunciou recentemente a estratexia Lugo Transforma, con obxectivos ambiciosos como reter talento na cidade ou atraer o investimento. Como se concreta?

Son doce millóns de euros cun fondo de capital risco para que as empresas se implanten en Lugo e xeren riqueza e emprego. Cando rematen os ERTE haberá empresas que non poidan manter todo o seu persoal, vai haber perda de traballo e queremos que esas persoas teñan unha oportunidade e non teñan que coller a maleta e marchar nin os mozos e mozas nin outras persoas por non ter unha segunda oportunidade. Con formación, asesoramento, proxectos de coworking ‘postpandemia’... Iniciativas que seguiremos poñendo en marcha neste ano e no seguinte, todo a expensas de ver como evoluciona a situación da pandemia e sen esquecer os investimentos; levamos nestes dous anos de goberno 49 millóns de euros en investimentos na rede viaria, no alumeado sostible urbano e rural, en recuperacións de espazos, peonalizacións… 

Referíase vostede á vantaxe que supón ter estabilidade. A diferenza do seu primeiro mandato, en minoría, preside agora un goberno local de coalición e sempre hai moitos focos postos na relación entre as forzas políticas que o conforman. Que balance fai desa relación co BNG? 

Hai moitos focos postos porque hai moita crispación, moitas veces incentivada pola oposición porque cre que así desgasta máis ao goberno. Aquí hai un goberno conformado por dúas forzas políticas cun acordo programático e con bases xa aplicadas no pasado mandato e agora tamén enfocado á recuperación económica. Estamos colaborando en incentivar o investimento para que certos sectores non teñan que depender da Administración e os que non teñen capacidade, axudando, formando e cubrindo todas as vertentes. Esta é a directriz que como alcaldesa marco no goberno; antes, agora, durante a pandemia e na fase de recuperación.

As dúas formacións do goberno coinciden en obxectivos como procurar que o tránsito peonil gañe terreo ao vehículo privado, xa sexa mediante peonalizacións, xa sexa mediante infraestruturas como o carril bici. Seguro que xa lle dixeron algunha vez que Lugo non está feito para as bicis ou que determinadas transformacións van ser moi complicadas de aplicar. Por que apostan por estas medidas, que adoitan ter un custo político inmediato?

"Temos un gran problema que é o cambio climático; ou o freamos ou seremos protagonistas da destrución do planeta. Buscamos esas cidades de quince minutos en detrimento, evidentemente, do vehículo privado"

A política haina que pensar con altura de miras e temos que ser valentes. Esta é unha aposta que temos feita dende 2015, cando presentamos as candidaturas aos fondos europeos. Non buscamos o rédito inmediato, senón que pensamos no futuro de Lugo para deixar ás xeracións que veñen atrás de nós unha cidade mellor social e economicamente. Dito isto, sei que como sociedade somos reacios aos cambios. Viuse coas peonalizacións e agora, co carril bici. A nosa obriga é tentar camiñar cara ás directrices que nos marca a Unión Europea para buscar esas cidades de quince minutos e que nós sintetizamos no Barrio Multiecolóxico, pero que queremos en todos os barrios. E en detrimento, evidentemente, do vehículo privado; primeiro, porque temos un gran problema que é o cambio climático e ou somos quen de poñerlle freo, ou podemos ser os protagonistas da destrución do planeta. Haberá xente disposta a asumir esa responsabilidade, pero a miña obriga como alcaldesa é ser proactiva. Non teño ningún problema en concienciar e explicar, pero temos que ter altura de miras e non ir aos populismos aínda que teñan rédito a curto prazo.

Lara Méndez, alcaldesa de Lugo, na casa do Concello en vésperas do inicio do seu segundo mandato CC-BY-NC-SA Praza Pública

Na súa investidura lanzaba tamén unha petición, ou máis ben unha esixencia: a “fin das escusas que se utilizan de xeito constante para frear o desenvolvemento da Galicia interior”. O tren sempre se presenta como a gran materia pendente, hai infraestruturas que xa son case históricas, caso da autovía a Santiago… Séntense máis escoitadas, avanzouse malia á pandemia?

"Hai que contextualizar cando, como e con quen se dan os avances: quen iniciou a intermodal foi o Goberno de Rodríguez Zapatero, quen a deixou no caixón foi o de Rajoy e quen a volveu poñer sobre a mesa foi o Goberno socialista de Pedro Sánchez"

Hai cuestións que se van desbloqueando, algunhas porque as introducimos nós na axenda política, como a estación intermodal no pasado mandato, un proxecto que iniciou o Goberno central do PSOE e que o PP deixara no caixón. E estamos vendo como seguimos avanzando na intermodal como garante de que a alta velocidade chegue a Lugo, pero tamén no avance da electrificación e modernización das vías para a conectividade con Ourense e agora, queremos tamén a conexión coa Coruña. Para non quedar illados social e economicamente en comunicacións físicas e tamén telemáticas. E tamén hai que contextualizar os avances: cando, como e con quen se dan: quen iniciou a intermodal foi o Goberno de Rodríguez Zapatero, quen a deixou no caixón foi o de Rajoy e quen a volveu poñer sobre a mesa foi o Goberno socialista de Pedro Sánchez. O compromiso de cadaquén demóstrase con feitos, e os compromisos demóstranse con orzamentos, co BOE e co DOG. Das boas intencións non se lembra ninguén.

E por outra banda, falando desa Galicia interior, o que hai é que buscar oportunidades económicas tamén no rural, con esa transformación económica da que falabamos baseada na economía verde e de proximidade. Iso facémolo coa transformación da madeira; máis alá de ser sostibles e do edificio Impulsa Verde que non só deixa de emitir CO2, senón que o absorbe, ou das hectáreas reforestadas que nos permite ter produción bioenerxética mentres contribúe á absorción de CO2 entre dous polígonos industriais. 

Dende a oposición municipal, nestes dous anos e tamén nestes días de balance, sinalan o barrio multiecolóxico como contraste con outros barrios. Acúsanos de non atender os barrios xa existentes fronte a este proxecto…

"O PSdeG pode sufrir algún arrefriado, pero ten unha saúde forte e os cambios sempre os facemos coa intención de mellorar, facernos fortes e ser útiles á sociedade para impulsar transformacións como na que estamos inmersos en Lugo"

O Partido Popular está inmerso na mentira constante para buscar a rendibilidade a curto prazo ou un puñadiño de votos. Somos un referente a nivel europeo e isto queremos levalo tamén ao noso barrio e por iso estamos traballando na rexeneración e integración dos barrios ou incrementando as zonas verdes neles. Igual que estamos poñendo en valor esa xoia que temos no Carme ou traballando no novo contrato de mantemento desas zonas verdes que duplicamos ou no novo prego para a xestión dos residuos. 

As eleccións municipais das que agora sen fan dous anos vivíronse nun contexto político xeral e tamén galego ben diferente ao actual, o previo á pandemia. Dende aquela celebráronse outras eleccións xerais e tamén unhas galegas. No ámbito que lle toca máis preto, o PSdeG, cal diría que é o estado de saúde do partido cara ao vindeiro ciclo electoral?

O PSdeG pode sufrir algún arrefriado, pero ten unha saúde moi forte e un cometido claro, que é transformar a sociedade. Pasamos distintos momentos e a finais deste ano iniciaremos un proceso de cambios nos congresos, que sempre se producen máis alá de que ás veces poida manterse a cabeza visible do proxecto. E os cambios sempre os facemos coa intención de mellorar, facernos fortes e ser útiles á sociedade e impulsar transformacións como na que estamos inmersos en Lugo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.