Con Quintana de Vivos Experience arrancará mañá, 8 de outubro, en Santiago de Compostela, o Festival Internacional de Improvisación de Galicia, Imperdible. Trátase dunha improvisación de creación colectiva inspirada nos MP3 Experiments do colectivo de Nova York Improv Everywhere, e creada especialmente para a capital galega. Con esta actividade a Praza da Quintana converterase nun escenario onde as persoas participantes formarán parte dunha gran creación efémera. A través duns auriculares, unha voz guía proporá xogos, retos, movementos e situacións inesperadas que transformarán progresivamente o entorno nun organismo vivo. Será "un experimento colectivo onde a cidade, o azar e a imaxinación escribirán xuntos unha única función que só acontecerá unha vez".